ASPECTO MÁIS RELEVANTE DO TEMA 6: O método AICLE, realidade ou utopía?

viernes, 8 de enero de 2016

O método AICLE (CLIL en inglés) correspóndese co acrónimo de Aprendizaxe integrada de contidos e lingua estranxeira (Content and Language Integrated Learning). Este método de ensinanza inclúe a integración das linguas estranxeiras en materias do currículo distintas ás propias clases de linguas. Aínda que as vantaxes que presenta son numerosas, tamén posúe desvantaxes que comentarei ó longo destas liñas.

Entre as múltiples vantaxes están que se emprega a lingua de maneira significativa, se desenvolven as competencias básicas, se aumentan as capacidade de aprendizaxe, hai unha maior motivación  e que se fomenta o respecto polas demais culturas e as súas respectivas linguas.
A pesar destas vantaxes, AICLE suscita algunhas cuestións que se deben ter en conta. Así, existe un certo temor a que o alumnado non adquira un alto dominio na competencia lingüística da súa lingua materna. Desde o meu punto de vista, a base na lingua materna é fundamental para que calquera alumno/a poida aprender despois outra lingua, mais se falla esta base, non se pode pretender que un/unha alumno/a consiga unha boa competencia nas linguas estranxeiras. Unha vez que o alumnado posúa esa base, é moi importante impulsar métodos que supoñan unha mellora na aprendizaxe de linguas estranxeiras, pero só cando xa se teña alcanzada dita base.   
Outra cuestión está relacionada co feito de se o alumnado está preparado para esta nova forma de ensinanza. Pode ser que a gran parte de alumnos/as dos centros educativos do noso país teñan o nivel necesario para poder introducir o método AICLE nas súas aulas, mais moitos outros alumnos/as poden ter dificultade para expresarse nunha lingua estranxeira e isto pode repercutir negativamente e inhibilos. Aínda é preciso avaliar se todos teñen as capacidades para que este método sexa totalmente beneficioso.
Ademais disto, a pesar de que este método se pode aplicar na maioría das materias do currículo, existen unhas certas dificultades propias de cada área do coñecemento. Así temos que na área das ciencias, ó alumnado pode ocasionarlle problemas o vocabulario específico ou a estrutura complexa característica dos textos científicos. Na rama das ciencias sociais, os textos conteñen estruturas difíciles con terminoloxía histórica ou/e política pouco coñecida (en varias ocasións); desta maneira, pode ser pouco doado para o/a alumno/a escoitar o/a docente e tomar apuntamentos ó mesmo tempo nunha lingua que non sexa a materna (Haynes, 1998; 2009).
Alén disto, o papel do equipo docente é fundamental para aplicar o método AICLE na aula. Este profesorado necesita ter uns requisitos distintos ó resto de profesores/as, como un maior tempo de instrución que, a maioría das veces, non dispoñen. Tamén cómpre que posúan un alto dominio da lingua estranxeira que impartan mais, por desgraza, moitos non presentan o nivel suficiente. Entre as tarefas que ten que realizar o equipo docente dunha materia AICLE está a de que o alumnado aprenda contidos a través de novas metodoloxías e as TIC, ademais da transmisión das mensaxes. Desde o meu punto de vista, non vexo beneficioso para o alumnado que o profesorado deste método non lle dea importancia á forma lingüística e poñan só énfase nos contidos curriculares e na fluidez. Aprender unha lingua non só implica a competencia comunicativa, tamén é necesario coñecer os seus aspectos formais co fin de comprendela mellor. Con este método de ensinanza, os/as profesores/as da lingua 1 quedan relegados a meros «axudantes» do profesorado AICLE, ó ter que axustarse ó contido impartido por este.    
Antes de finalizar, existen moitos estudos que mostran o beneficioso que é para o alumnado o método AICLE nas aulas, mais estes estudos realízanse sempre en condicións favorables, é dicir, cun tipo de alumnado propenso a ter unha alta competencia nas linguas, cun profesorado con alto nivel en linguas,... E isto non demostra se realmente este método é útil nunha situación real.
Considero que este innovador método de ensinanza supón un gran avance na aprendizaxe de linguas estranxeiras para o alumnado (tanto de educación primaria como en secundaria e bacharelato), mais agora mesmo o contexto actual é demasiado adverso para a súa introdución. Hai demasiados factores que non podemos obviar e que implican que, a día de hoxe, non se acadarían os resultados esperados. Sería necesario cambiar o sistema educativo para que se puidera implantar este método e lograr o obxectivo principal: que o alumnado sexa capaz de empregar a lingua estranxeira para aprender e comunicarse de maneira independente nas distintas áreas de coñecemento.

0 comentarios:

Publicar un comentario

Con la tecnología de Blogger.

Licencia de Creative Commons

Licencia de Creative Commons
Estrategias de innovación docente en el campo de las lenguas extranjeras by Ariana Peiteado Alonso is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-SinObraDerivada 4.0 Internacional License.
Back to Top